Galicia

Presentouse a Plataforma Más Plurales, en defensa da pluralidade educativa. A Lei Celaá impón un modelo de educación único e limita a liberdade social

03 Noviembre

03 Noviembre 2020 por FEUSO | Galicia

Hoxe en rolda de prensa, presentouse a Plataforma Más Plurales e a campaña Máis plurais, máis libres, máis iguais contra a Lei Celaá na comunidade galega. A campaña leva por título “Máis plurais, máis libres, máis iguais. Cara a unha escola realmente inclusiva, con todos e para todos” e adheríronse á Plataforma as asociacións de Pais FAPA Coruña, FANPA Ferrolterra, SURGAPA Pontevedra, FAPA Lugo, ANPAS Ourense, os sindicatos FSIE e FEUSO, as patronais Escolas Católicas Galicia e CECEGALICIA.

 Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas Católicas, realizou unha breve introdución e, deseguido, Pilar Ónega, voceira e representante das asociacións e entidades adheridas á iniciativa, presentou a campaña. Ambas as dúas coincidiron nas súas declaracións co exposto o mércores pasado na rolda de prensa a nivel nacional polo voceiro da plataforma Jesús Muñoz de Priego: “A LOMLOE vulnera dereitos recoñecidos na Constitución, reduce progresivamente o modelo do ensino concertado e atenta contra a pluralidade educativa”. Ademais, e entre outros aspectos, a Lei Celaá pon en dúbida a supervivencia dos centros de educación especial e relega a Relixión a materia de segunda. Claramente, esta lei, tramitada sen consenso, rexeita calquera intento de alcanzar un Pacto de Estado pola Educación.

Durante a rolda de prensa, Pilar Ónega explicou, brevemente, os motivos polos que as organización da plataforma rexeitan a Lei Celaá que se está a debater no Congreso en plena pandemia da COVID-19, cando non é o momento para debater nada. A comunidade educativa está agora no que ten que estar, que é intentar minorar os efectos negativos desta pandemia en todos os niveis, traballando coas administracións, cos centros, co profesorado e coas familias para sacar adiante os retos educativos e sociais que se presentan. Por todo iso, a Plataforma denuncia que se privou  a comunidade educativa do san e democrático debate que debe acompañar a aprobación de toda lei. A democracia social e participativa deixou de selo de maneira efectiva nestes últimos meses.

En vez de aprazar os debates da Lei a outro momento máis oportuno, o Goberno preferiu aproveitar estes dramáticos momentos para acelerar a súa nova Lei, sen debate e sen consenso e introducir cambios de gran calado no seu articulado que conducen cara a un dominio sistémico do Estado, dotando as administracións de facultades cada vez máis amplas en detrimento das familias como primeiras educadoras dos seus fillos.

De feito, a LOMLOE elimina a demanda social e permite distribuír o alumnado por centros reducindo significativamente a elección das familias, un dereito avalado pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Inventa un dereito á educación pública -cando o dereito recoñecido na Constitución é o dereito á educación-; enfróntaa ao modelo de educación concertada, amplamente implantado en Europa, rompendo a complementariedade de redes recollida na Constitución; devalúa a ensinanza da materia de Relixión na escola aplicando un laicismo impropio e pon en dúbida a supervivencia dos centros de educación especial, entre outros aspectos.

Para a Plataforma Más Plurales, como lembrou Pilar Ónega parafraseando a Muñoz de Priego, “a LOMLOE é unha lei que acentúa aínda máis o papel intrusivo do Estado na educación do noso país en detrimento das liberdades públicas”. O obxectivo fundamental da Lei Celaá, consensuada entre o PSOE e Unidas Podemos, consiste en ensanchar o espazo da escola pública todo o que permitan os orzamentos e a aguda crise de natalidade que padecemos en detrimento da liberdade das familias, que queda nun segundo plano.

Durante a rolda de prensa informouse do inicio dunha campaña de recollida de sinaturas contra a lei e a prol da convivencia dos diferentes modelos educativos e dos dereitos recoñecidos na nosa Constitución na páxina web www.masplurales.es. Tamén se informou da posta en marcha dunha serie de  accións encamiñadas a informar a comunidade educativa do contido da lei e a promover mobilizacións sociais cumprindo con todas as recomendacións de seguridade e hixiene fronte á COVID-19. Entre elas:

  • Recollida de sinaturas contra a LOMLOE e na defensa dun sistema educativo plural que garanta a liberdade de ensino e a convivencia de diferentes proxectos educativos (pode realizarse a través da páxina masplurales.es).
  • Campaña de concienciación online a través da web de Máis plurais, máis libres, máis iguais e os seus perfís nas redes sociais principais.
  • Diversas accións de mobilización cidadá concibidas en estrito cumprimento das recomendacións de seguridade e hixiene destinadas a afrontar a actual pandemia debido á COVID-19. Entre elas:

-Concentracións ante os centros educativos todos os mércores de novembro, tras a finalización da actividade escolar. Organizaranas o Consello Escolar e as ANPA.

-Concentración ante a delegación do Goberno o martes 10 de novembro ás 12.00h.

-Colocar lazos laranxas e pancartas co lema #StopLeiCelaá (colexios, docentes, PAS, animar a sociedade en xeral a colocar este lazo).

-Mobilizacións na rúa; concretaranse a medida que avance a tramitación da lei e supeditadas ás indicacións sanitarias derivadas da evolución da pandemia.

Algúns datos:

  • Máis de 260.000 profesionais, docentes e non docentes, 7.500 na nosa comunidade, que ven perigar a continuidade dos seus centros e dos seus postos de traballo.
  • Preto de 4 millóns de familias que verán limitado seu dereito a elixir o tipo de educación que queren ou mellor se adecúa ás necesidades dos seus fillos e fillas.
  • Os máis de 3 millóns de alumnos que elixen voluntariamente, en centros de titularidade pública e privada, cursar a materia de Relixión relegada a un segundo plano na nova lei.
  • Máis de 9.300 centros da rede concertada e privada -250 en Galicia- que ven perigar a continuidade dos seus proxectos educativos.
  • A día de hoxe xa firmaron máis de 160.000 persoas o manifesto en contra da LOMLOE.

 

PLATAFORMA MÁS PLURALES

masplurales@gmail.com

www.masplurales.es

 

Back to top