16 Mayo
16 Mayo 2024 por FEUSO | Galicia
O 18 de xaneiro de 2024 creouse un grupo de sindicatos da concertada (UGT, CCOO, FEUSO e SNEP de Galicia) procurando unha unión sindical que considerábamos imprescindible para conseguir os obxectivos que necesitamos e que se corresponden coa perda de dereitos aos que nos somete a Consellería dende hai moitos anos. O día 6 de febreiro celebrouse unha xuntanza entre a Consellería e as OOSS citadas. Falouse da xubilación parcial, da PEA, da homologación retributiva, sexenios, complementos como o da coordinación dos equipos de normalización lingüística,…
Debido a que estabamos en período electoral quedouse en que, despois das eleccións, e no caso de que se ratificaran os cargos da Consellería, iamos ter unha nova xuntanza co fin de concretar as vagas promesas que se nos fixeron, especialmente no relativo á xubilación parcial e á situación das persoas traballadoras que podían verse afectadas polo pretendido exceso de rateo debido ás anteriores recolocacións ao abeiro dos distintos acordos de mantemento de emprego. Pois ben, a nosa sorpresa foi cando nos enteramos de que UGT e CCOO, pola súa conta e á marxe do grupo, fixeron unha solicitude de entrevista co D. Xeral, excluíndo a FEUSO e a SNEP de dita solicitude.
Postos en contacto con ambas organizacións tivemos como resposta que se puxeron de acordo entre elas por unha cuestión de estratexia sindical pero que non buscan a ruptura da unión.
FEUSO e SNEP non imos facer valoracións, só transmitimos a información do acontecido de forma obxectiva. A partir de aquí que cadaquén saque as súas propias conclusións.
Somos moi conscientes da necesidade de unión sindical na concertada; cantos máis sexamos mellor.Seguiremos no grupo por principios e compromiso, a pesar deste tipo de actuación, para que a nosa forza continúe por un futuro mellor. Por iso, pedimos reflexión e que poñamos por diante ás persoas traballadoras, o único que importa.
Porén, ante a importancia dos temas a tratar e a urxencia na busca de solucións doutros, solicitamos unha reunión á maior brevidade posible co Director Xeral de Centros e Recursos Humanos para, entre outros obxectivos:
- Que se retome a negociación para acadar un acordo de xubilación parcial que se poida aplicar xa no mes de setembro, tal e como se pretendía antes do parón electoral.
- Que se constitúa unha comisión con carácter urxente para evitar o despedimento de traballadores e traballadoras afectados polos excesos de rateo, dos que non teñen culpa ningunha.
Estamos a apenas mes e medio do fin de curso e é especialmente relevante traballar nestes asuntos para que tanto os centros coma as persoas traballadoras poidan organizarse de cara ao vindeiro ano escolar.