27 Febrero
27 Febrero 2026 por FEUSO | Galicia
Nos sectores de Política Social en Galicia (discapacidade, infantil 0-3 e menores) formouse unha unidade sindical composta polas organizacións CIG, CCOO, UGT, USO, CUT e SNEP. Esta unidade non era doada de acadar, pero eramos conscientes do desexo de todas as persoas traballadoras destes sectores de que uniramos forzas en prol dun obxectivo común.
Nos últimos meses mantivéronse múltiples reunións de coordinación e planificación, realizándose un importante esforzo colectivo para chegar a puntos de encontro, sempre desde a responsabilidade e o respecto ás persoas traballadoras destes sectores. Sen ir máis lonxe, a última xuntanza celebrouse o pasado venres 20, na que se marcaron liñas de acción conxuntas e se acordou continuar o traballo na seguinte reunión, fixada para o venres posterior. Todo isto formaba parte dunha estratexia común baseada, en primeiro lugar e sobre todo, na honestidade sindical, prevalecendo o interese xeral por riba de intereses sindicais. Polo tanto, o rigor, a responsabilidade, e a loita por uns obxectivos claros e alcanzables eran a folla de ruta que todas as organizacións acordamos. Unha das premisas era por o foco nas necesidades e dificultades nos centros e evitar siglas e propaganda sindical nas imaxes precisamente para centrarnos no importante: AS PERSOAS TRABALLADORAS.
CCOO, UGT e USO tivemos coñecemento, por vías alleas aos espazos de comunicación sindical conxuntos, da convocatoria unilateral por parte da CIG dunha concentración ás portas dun centro de menores en Ourense, sen que esta fose consensuada nin comunicada previamente ao conxunto das organizacións sindicais que forman parte da unidade.
Nesta concentración usáronse pancartas e materiais propios da CIG e solicitáronse permisos administrativos, convocando aos medios de comunicación e empregando o lema “convenio GALEGO xa”, a pesar de que, de maneira expresa, se acordara non empregar ese lema por tratarse dun obxectivo actualmente inviable, feito corroborado nas reunións mantidas coas patronais e/ou asociacións dos tres sectores. Mostra de todo isto, a prensa do xoves día 26 de febreiro recolle imaxes de todo o exposto.
É indiscutible que esta forma de proceder vulnera gravemente os principios básicos da unidade sindical, baseados no consenso, na lealdade organizativa, no respecto mutuo e na construción colectiva das accións. A práctica de decisións unilaterais, sen información previa nin coordinación co resto das organizacións, supón unha quebra directa da confianza construída durante meses de traballo conxunto.
Optar por mobilizacións precipitadas sen estratexia e ninguneando ao resto de OOSS é a única forma que algúns teñen para dar resposta a promesas imposibles ou a discursos baleiros. Pero para nós é fundamental unha acción sindical baseada no rigor e na honestidade coas persoas traballadoras e nunha loita con sentido, con obxectivos reais e con percorridos posibles.
A realización destas accións unilaterais quebrou a confianza e as bases da unidade sindical, facendo inviable a súa continuidade. Polo tanto, ante esta mala praxe sindical, afirmamos con claridade que a unidade sindical está rota e faise inviable o seu restablecemento.
A unidade non pode sosterse cando non existe coherencia, transparencia, lealdade e compromiso colectivo. Lamentablemente, estas actuacións unilaterais da CIG, o seu incumprimento dos acordos comúns e a súa falta de lealdade, a pesares de ter insistido en que estas condutas romperían calquera entendemento, forzan este desenlace que ningún de nós desexabamos. Con todo, imos seguir traballando por acadar os obxectivos das campaña Mércores de loita nos centros de traballo e Petiscos de realidade.
Alén deste revés, o compromiso de CCOO, UGT e USO segue sendo o mesmo: defensa rigorosa, seria e eficaz dos dereitos das persoas traballadoras.



