Galicia

O ensino concertado concéntrase na consellería en prol das súas xustas e lexítimas reivindicacións

06 Mayo

06 Mayo 2026 por FEUSO | Galicia

FSIE, UGT, CCOO, USO, SNEP e CIG comezan unha serie de mobilizacións ante a Consellería de Educación trala nula negociación amosada por esta na Mesa da Comisión Tripartita do Ensino Concertado.

Máis de 400 delegados e delegadas dos colexios concertados de Galicia concentráronse hoxe en Santiago en fronte da Consellería de Educación amosando o seu fastío coa actitude da Xunta cara as condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras do sector. O pasado 22 de abril as organizacións sindicais representativas do ensino concertado en Galicia acudimos á Consellería para expresar o noso malestar pola ausencia de avances negociadores trala celebración da última xuntanza da Comisión Tripartita do Ensino Concertado.

Entón, fíxoselle entrega ao Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, dun escrito comunicando a nosa decepción por non se cumprir o seu compromiso de iniciar negociacións de novos acordos, o cal tamén se presentou por rexistro. As organizacións sindicais, na nosa solicitude de convocatoria desa xuntanza da Comisión, propuxemos, de xeito preferente pero non excluínte, iniciar as negociacións con tres puntos básicos:

1. Desbloqueo da Disposición Adicional 12ª dos Orzamentos, que impide a execución do Acordo do 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e calidade do ensino, publicado no DOG do 30 de maio de 2008, coa subida salarial actualizada. Propoñemos a firma dun novo Acordo de condicións laborais do ensino concertado onde se aborden tanto o aboamento dos complementos económicos actualizados como a redución da carga lectiva co conseguinte incremento de cocientes.

2. Addenda ao Acordo de xubilación parcial incluíndo a posibilidade de acceso para o persoal que ten parte da súa xornada en pago privado. Este persoal, maioritariamente de bacharelato, ve os seus dereitos recortados por unha decisión puramente económica que non pon en valor o seu duro traballo cos rapaces e rapazas pre-universitarios. 

3. Complemento salarial autonómico directo e finalista para o Persoal de Administración e Servizos. O eixo vertebrador dos colexios é o PAS. Sen el os centros non funcionarían. Sen embargo, son o colectivo cos salarios máis baixos do sector. Por iso, é indispensable a creación dun complemento específico que saque a este colectivo da ruína salarial.

Tres reivindicacións concretas, asumibles e de xustiza; as cales nin foron incluídas na orde do día da reunión, pese a ser o obxecto da nosa solicitude. A día de hoxe, non temos recibido resposta algunha. Como resultado, a primeira decisión tomada foi comezar cunha serie de mobilizacións, empezando pola concentración de delegados no día de hoxe diante das portas da Consellería. O sector está moi canso despois de tantos anos de escasísimos avances e continuas negativas. Se non hai un cambio na postura da Consellería continuarase con outras accións máis contundentes das que se informará puntualmente. Solicitamos, por parte da Consellería, un cambio de actitude e a apertura inmediata de novas negociacións que permitan chegar a novos acordos para o sector. Non consentiremos o inmobilismo e o desprezo ao persoal traballador da Concertada desta Consellería.

Back to top